Novas

Amosando publicacións coa etiqueta Xurxo Miguel Gago Chao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xurxo Miguel Gago Chao. Amosar todas as publicacións

sábado, 20 de xaneiro de 2018


Hai segredos por descubrir
nas mariñas furnas agochadas,
e recunchos e rapadoiras
moreas historias malfadadas.

Hai segredos por descubrir
nas nosas costas salgadas,
sábeno as vellas memorias
e os fondos das nosas augas.

Hai segredos por descubrir
valentes fazañas arriscadas,
bohemias crónicas melancólicas
de pianos varados nas praias.

Hai segredos por descubrir
dos mares das augas bravas,
das mareas metamórficas
e das somerxidas montañas.

Hai segredos por descubrir
de embarcacións naufragadas,
o mar e as súas incógnitas
o mar e as súas ondadas.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao 

luns, 8 de xaneiro de 2018

 

O mellor agasallo non o venden nas tendas;
 nin está nos escaparates,
 non é algo comercial que se ofreza,
 é moito máis, algo que non se merca,
 que está no máis fondo da alma,
 chamado Querenza.    
                                   O`Xurxo



  © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


mércores, 29 de novembro de 2017

RADIOFUSIÓN:
 O colectivo literario Moraima vén de nacer en Fene froito do obradoiro de poesía que nas pasadas semanas impartiu Pablo Bouza. As persoas participantes decidiron crear este colectivo de intervención para seguir enganchados á poesía. Xurxo Miguel Gago é un dos máis entregados na fundación do grupo que se realizou oficialmente o pasado 23 de novembro na Casa da Cultura de Fene.

Xa teñen avanzado en iniciativas e preparan para xaneiro un recital solidario de música e poesía. O mestre xubilado, Emilio Balado, forma parte deste colectivo que subtitulan "A grafía da emoción" como recordo do obradoiro e de Pablo Bouza co que quedaron encantados.

Henrique Sanfiz, Xurxo Gago e Emilio Balado


Entre os obxectivos de Moraima está a participación poética solidaria, en hospitais, asociacións, residencias de maiores e en canto lugar precisen da súa palabra. Gago. O obradoiro culminou hai unhas semanas coa publicación dun libriño cos poemas dos participantes. Incluense poemas de Matilde Castro, Maribel Serantes, José Pita, Margarita Pérez, Mariola Hermida, Araceli Margareto, Candela Quintía, José Emilio Balado, Adelaida Abad, María Ortega, Mónica Cadavid, Xurxo Gago, Esther Val, Andrés C.M.Riveira, Pablo Bouza e Fina Díaz.


Escoitar Audio:
...
Xurxo Gago e Emilio Balado falan do colectivo Moraima


 

luns, 27 de novembro de 2017

Unha das cousas máis importantes antes de pórse a crear é facer o posible por mellorarmos no emprego da nosa lingua, tendo moitas ferramentas na rede que facilitan a teima na aprendizaxe da nosa fala. 


Unhas das que ofrecen as máis completas ferramentas son O Portal da Lingua Galega: http://www.lingua.gal/portada e O Portal Galego da Lingua: http://pgl.gal/ ademais da Real Academia Galega: http://academia.gal/ Pero existen moitos máis recursos para facilitarmos as dúbidas que poidan xurdir no medio do noso proceso creativo. É importante acudir a elas, a estas ferramentas, para non caermos en erros e poder saír de atrancos lingüísticos que poidan poñer freo ás nosas aspiracións creativas. Temos que fuxir dos castelanismos, procurar adecuar a escrita á normativa elixida, á galega normativa ou á galaico-portuguesa. 

A web do dicionario Digalego:  http://digalego.xunta.gal/digalego/Html/index.php
tamén soluciona moitas dúbidas.

Certo é que hai moitas outras ferramentas para facilitar a tarefa creativa, pero nesta ocasión estou a falar de mellorarmos o noso galego, tanto falado como escrito. Un ben para nós, un ben para as nosas creacións, e un ben para a nosa lingua galega. 

Un dos libros que máis me axudou a mellorar a miña fala e a miña escrita, foi, como non, o libro de Carlos Callón: Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

Recoméndovolo!

domingo, 26 de novembro de 2017

                     
                                                            

                                                             Xurxo Miguel Gago Chao
    
     “Endecasilabando”

              A Escrita

                 I

 
A poesía é o espello das vidas
a diversidade de arquetipos
que mostra diverxentes paradigmas,
transformando sentires reflectidos
en mares de infinitas perspectivas.
A poesía é un mar que asubía
que suscita sentires prospectivos,
acendendo improvisadas faíscas
no oco máis fondo dos nosos sentidos,
onde moran as razóns esculpidas.
A poesía é corrente fervente,
unha masa volátil de saberes,
coma sinuoso raio incandescente
que converte as mágoas en praceres
e inxecta ao siso razón convincente.
A poesía é rego de semente
onde xerminan novos entenderes,
variado xardín de froito elocuente,
un verxel sen dereitos nin deberes
onde crecen soños eternamente.

                      II

Poesía, templo da liberdade,
un paraíso do libre albedrío
onde a palabra logra inmensidade,
os murmurios das musas poderío;
senlleiros versos magnanimidade.
Poesía, catedral do arrepío,
letras de arcana singularidade
onde se transita do quente ao frío
do asincronismo á simultaneidade.
A poesía é pergamiño vello
fiel alugamento de profecías
berce de etéreo sentir senlleiro
coma pel seca enchida de porfías
cosida con teima e con sentimento.
Unha troba impresa na pel curtida
sempre indemne ante o acoso do tempo
idílica tatuaxe ennobrecida,
rexo significado bulideiro,
heterodoxa fe surrealista.
Poesía, enerxía transformada
en raios ígneos de cavilación
por vía streaming dende a mesma alma
facendo o corazón de servidor,
sinal ao senso e xorde a palabra.
Da verba sobranceira á expresión
nacendo versos nun abracadabra
froito de ensimesmada conexión
xorde unha composición literaria
mensaxe emancipadora do amor.
                                                                    
                                                                  Xurxo Miguel Gago Chao  
 
         A Desmemoria 

                    I

 
Quen somos sen feitos verificados,
sen as lembranzas das vellas memorias,
sen contos verídicos do pasado,
sen vivificar as humanas glorias,
sen cometido erro asimilado?
Quen somos sen o influxo das historias
apiñadas nun oco desleixado
rebumbio argalleiro das desmemorias
arrexuntadas nun triste faiado,
condenadas a penas vexatorias?
Quen somos sen os saberes teimudos,
sen as eruditas mentes diagnósticas,
sen analistas dos feitos maduros
que tributan circunstancias insólitas
mergullados en íntimos estudos?
- 39 -
Quen somos sen un colectivo impulso,
sen formar filamento de honra indómita,
unidade pétrea, fiel orgullo
desprovisto de estigma e de discordia
que clarexe os pasados claroscuros?

                       II

Onde vai aquela nervada unidade
que ía camiñando cara un mesmo fin
berrando sempre a prol da liberdade
construíndo patria, facendo país,
emblema da galaica dignidade?
E o sentimento adhesivo de unir,
o pegamento da comunidade,
contestatario xuízo ante o sufrir
e brava loita contra a necidade,
diamante en bruto do noso porvir?
Unha terra que perde identidade
é coma un carro sen os estadullos
que carrexando perde calidade
ou coma uns empapados garabullos
que nunca prenden por mor da humidade.
Sen o acervo, pusilanimidade;
terra medrosa emporcada de entullo
coma poza en eterna sequidade,
coma uva estrullada que non ten bullo,
terra sen xugo e sen afinidade.

                       III

Vivo xunto a xente desmemoriada
enchida de escusas por non saber
máis de corenta anos adurmiñada
e cando é libre prefire o inglés
deixando a nosa lingua anestesiada.
Atraente imán que fai eslumecer
a nosa nobre lingua benfalada
sempre predisposta a madurecer,
sempre revive coma a alborada
boa fiucega para o noso ser.

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]