Novas

domingo, 26 de novembro de 2017

Mariola Hermida Romero


                                                            MARIOLA HERMIDA ROMERO

poñerme na túa pel
ir crebando esa pena
ancorada entre as costelas
a mesma pena que berra por saír
atropeladamente nun círculo vicioso
son testemuña
do pranto acometido
en vagas salvaxes
no corpo febril
testemuña do desamparo
da friaxe das paredes
e da cama
do sofá desfondado gardando
a quentura do que non está
dos ocos que escapan
na lentura das horas
do naufraxio dos beixos
aínda mornos
son consciente da perda
da poalla que vai labrando
os ósos e os miolos
mentres un non sabe
por onde virar.


                                                                        MARIOLA HERMIDA ROMERO

Na procura do norte,
do caixón desastre,
acubillo nos dedos a intención
de sanar a obriga,
o desengano, a impaciencia,
a soedade non declarada,
a tristura que chega
nunha bágoa silenciosa,
o desorde mental,
o derrubo das ilusións
que un día chegaron
para quedarse,
a tolemia non liberada,
a verdade enmascarada,
a finura deses pensamentos
que conseguen enraizar
na alma só para fustrigala
como unha marea sen resaca.
Na procura do norte
rezo porque o teu caixón desastre
desestime a razón de perseguirte.


                                                                          MARIOLA HERMIDA ROMERO

quizais haxa unha segunda oportunidade
onde remendar con fíos dourados os desdéns
quizais o mundo pare de xirar
e comece de novo no punto exacto
onde habitan os primeiros xermolos
si, quizais haxa un punto de retorno
onde o arrepentimento busque liberación
e a espesa néboa se disipe co canto
dun paporroibo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]