Novas

Amosando publicacións coa etiqueta A Escrita. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Escrita. Amosar todas as publicacións

mércores, 21 de marzo de 2018

Colaboración, cun recital poético- literario, do noso Colectivo Literario Moraima [A Grafía da Emoción] na Conmemoración da Revolta Popular Marzo 1918 no local social de Sedes (Narón) o domingo 18 de marzo de 2018.


domingo, 18 de febreiro de 2018

Recital Poético - Literario - do Colectivo Literario Moraima [A Grafía da Emoción] que tivo lugar na Lea Librería Café [Ferrol] o pasado sábado 17 de febreiro de 2018 ás 20:00 horas coa presenza de:


Poetas/autoras/es: Andrés C.M. Ribeira, Esther Val, Adelaida Abad, Araceli Margareto, Mariola Hermida, Mónica Cadavid, Emilio Balado, Matilde Castro, Eugenia Sanmartín, Miguel Costoya, Enrique Rodríguez, Xurxo Gago, Diana Castro e Inés Pérez.



venres, 9 de febreiro de 2018


Recital Poético - Literario - Musical do Colectivo Literario Moraima [A Grafía da Emoción] na Lea Librería Café [Ferrol] o sábado 17 de febreiro de 2018 ás 20:00 horas coa presenza de:

Música: Estrela Gómez[Violinista]

Poetas/autoras/es: Andrés C.M. Ribeira, Esther Val, Adelaida Abad, Araceli Margareto, Mariola Hermida, Mónica Cadavid, María Ortega, Emilio Balado, Matilde Castro, Eugenia Sanmartín, Miguel Costoya, Loreto de Castro, Enrique Rodríguez, Inés Pérez, Blanca Gago, Diana Castro, Xurxo Gago, Rosa Martínez.


sábado, 13 de xaneiro de 2018

o mar
o mar de alcatrán
o mar de alcatrán baixo un ceo de trebón
o mar de alcatrán baixo un ceo de trebón vaise estendendo sobre
[a praia

o televisor di:
...bla, bla, bla...
... Venezuela...
...bla, bla, bla, bla...

o mar vaise estendendo sobre a praia
como unha lingua que lambe a area salgada
e alí
alí atopa o cadáver
alí atopa o cadáver do neno
alí atopa o cadáver do neno que abala coas ondas

o televisor di:
...bla, bla...
... Cataluña...
...bla, bla, bla, bla, bla...

o corpo morto do meniño abala como arrolado no colo da súa nai
é reclamado polo mar
é reclamado polo mar que se vai estendendo como unha man
como unha man que o trae de volta ó seo materno

o televisor di:
...bla, bla, bla, bla, bla...
...cicloxénese...
...bla, bla...

o cadáver do meniño que chegou á praia cabalgando
cabalgando sobre as ondas ó lombo dunha patera
aboia agora nas augas salgadas, aboia
paira na corrente aboiando coma un peixe morto
como un neno vivo facendo o morto, pero morto
morto como só saben esta-los mortos
e logo
tranquilo, como unha pedriña morta e tranquila
como unha pedriña tan morta como só saben estar os mortos e  
[as pedras
vai caendo ó fondo
ó fondo negro como o alcatrán do mar

o televisor di:
...bla, bla, bla...
... Sálvame Deluxe...
...bla, bla, bla, bla, bla, bla....

o trebón devala sobre a praia
cun estraño silencio
cun silencio estraño como de sangue callado
e as ondas sobre a area
fan o son do silencio
o son da neve no televisor
... shhh... shhh... shhh...

no televisor, a carta de axuste
como un monitor de constantes vitais, di:

... piiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii...
 
Poema creado por  Andrés C. M. Riveira


luns, 27 de novembro de 2017

Unha das cousas máis importantes antes de pórse a crear é facer o posible por mellorarmos no emprego da nosa lingua, tendo moitas ferramentas na rede que facilitan a teima na aprendizaxe da nosa fala. 


Unhas das que ofrecen as máis completas ferramentas son O Portal da Lingua Galega: http://www.lingua.gal/portada e O Portal Galego da Lingua: http://pgl.gal/ ademais da Real Academia Galega: http://academia.gal/ Pero existen moitos máis recursos para facilitarmos as dúbidas que poidan xurdir no medio do noso proceso creativo. É importante acudir a elas, a estas ferramentas, para non caermos en erros e poder saír de atrancos lingüísticos que poidan poñer freo ás nosas aspiracións creativas. Temos que fuxir dos castelanismos, procurar adecuar a escrita á normativa elixida, á galega normativa ou á galaico-portuguesa. 

A web do dicionario Digalego:  http://digalego.xunta.gal/digalego/Html/index.php
tamén soluciona moitas dúbidas.

Certo é que hai moitas outras ferramentas para facilitar a tarefa creativa, pero nesta ocasión estou a falar de mellorarmos o noso galego, tanto falado como escrito. Un ben para nós, un ben para as nosas creacións, e un ben para a nosa lingua galega. 

Un dos libros que máis me axudou a mellorar a miña fala e a miña escrita, foi, como non, o libro de Carlos Callón: Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

Recoméndovolo!

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]