BENVIDA
MORAIMA!!!
BENVIDA POESÍA!!!
O nacemento dun grupo, unha asociación ou unha entidade de carácter
cultural sempre é un motivo de "Noraboa" para todos e todas os que
formamos parte desta sociedade, ás veces, tan utilitarista e
mercantilista. Se o que nace, ademais, é un grupo poético- literario a
satisfacción é dobre , en tanto que a obsesión polo culto á utilidade
está a poñer en serio perigo os valores máis fundamentais da humanidade e
aí teñen que estar a filosofía, a historia, a literatura e sobre todo a
poesía para facer máis humana a humanidade.
No meu
caso o nacemento deste colectivo literario “Moraima. A grafía da
emoción” prodúceme unha, se cabe máis , fonda satisfacción en tanto que
nace ao abeiro do obradoiro de poesía celebrado este outono baixo o
auspicio da AELG e coa colaboración do Concello e Fene e o patrocinio da
Deputación e Xunta de Galicia e que eu tiven o pracer de coordinar.
Cando
aló polo mes de maio a AELG propúxome impartir este obradoiro no marco
da súa Escola de Escritoras e Escritores en Fene, non dubidei nin un
instante en aceptar a pesares de ser a miña primeira experiencia neste
eido e a responsabilidade e respecto que me merece a docencia en
calquera sexa o seu campo. Pero como dicir non a unha proposta, calquera
que sexa, en Fene, o meu pobo e a miña referencia vital.
Agora,
xa rematado este obradoiro e despois de coñecer ao grupo de poetas que
compartiron conmino espazo de creación e debate arredor da Poesía,
sinto un enorme agrado e fachenda de telos coñecido. Foron momentos
dunha alta intensidade poética, de auténtico pracer estético e de
vivencia do proceso creativo como unha festa da palabra.
É
foi sobre todo emoción. O título que puxen a este obradoiro, e que
agora con cariño deste grupo de escritoras e escritores subtitula o
nome deste colectivo literario, non foi de balde: Poesía: a grafía da
emoción. E con emoción vos podo dicir que vivín con todo o grupo, con
estas e estes 15 poetas unhas xornadas inesquecibles para min, polo que
vos estou moi agradecido e se en algo a miña participación neste
obradoiro podo influír no nacemento deste colectivo xa a satisfacción
sería enorme.
De todos estas e estes poetas podería
dicir moitas cousas, todas boas por suposto, cada unha e cada un ten a
súa propia voz poética, a súa maneira de transmitir o que leva dentro, a
súa maneira de reinterpretar a realidade e a súa forma de ver o mundo;
pero todas e todos coinciden nunha cousa fundamental para escribir
poesía: a sensibilidade e a necesidade de vivir poeticamente.
De
seguro que o colectivo literario “Moraima” (A grafía da emoción”) vai
ocupar un espazo de creación e difusión literaria na comarca de
Ferrolterra, e oxalá en toda Galicia, e facernos pasar momentos
inesquecibles cheos de poesía e literatura. Agardo que, ademais esta
iniciativa, sirva a estes e estas poetas a continuar na senda da escrita
e da poesía como alimento fundamental do espírito, do seu e do de todas
e todos aos que van chegar as súas palabras.
Parabéns a todas e
todos os que formades este colectivo literario “Moraima” (A grafía da
emoción), moitas grazas desde o corazón por me ter aportado tanto e o
meu sincero desexo de éxitos.
Cando quero soñar
Digo poesía.
Digo poesía
cando a noite é pechada.
Digo poesía
e ponse a luz en marcha.
Ningún comentario:
Publicar un comentario