Novas

Amosando publicacións coa etiqueta Hemeroteca CLMoraima. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Hemeroteca CLMoraima. Amosar todas as publicacións

domingo, 18 de febreiro de 2018

Recital Poético - Literario - do Colectivo Literario Moraima [A Grafía da Emoción] que tivo lugar na Lea Librería Café [Ferrol] o pasado sábado 17 de febreiro de 2018 ás 20:00 horas coa presenza de:


Poetas/autoras/es: Andrés C.M. Ribeira, Esther Val, Adelaida Abad, Araceli Margareto, Mariola Hermida, Mónica Cadavid, Emilio Balado, Matilde Castro, Eugenia Sanmartín, Miguel Costoya, Enrique Rodríguez, Xurxo Gago, Diana Castro e Inés Pérez.



xoves, 8 de febreiro de 2018


  O antes e o despois do I Dia dos Medios en Galego

Barallobre: Algúns dos asistentes á I Gala dos Medios en Galego no Monumento ao Camiñante Descoñecido

A I Gala dos Medios en Galego reuniu hoxe no local da Liga de Amigos de Barallobre, en Fene, a representantes políticos e do mundo cultural e social da man asociación Amega (Asociación de Medios en Galego), impulsora da celebración. A gala é a antesala da celebración do Día dos Medios en Galego, para o que se elixiu o 7 de  febreiro por coincidir co aniversario do nacemento da publicación periódica “O tío Marcos da Portela”, xurdida en Ourense en 1876 con Valentín Lamas Carbajal como editor. Nesa data está prevista unha declaración institucional no Parlamento Galego apoiada por todos os grupos políticos.


Nunha ateigada sala, o presidente de Amega e anfitrión da gala, Henrique Sanfiz, quixo destacar a significación do Día dos Medios en Galego como unha data para pedir apoio das institucións e a cidadanía para os medios de comunicación que empregan a nosa lingua; e tamén para lembrar “heroicidades” como a de “O tío Marcos da Portela”, que conseguiu chegar a vender 4.000 exemplares cando máis do 60% da poboación galega era analfabeta.

Sanfiz mostrouse optimista e convencido de que “hoxe poñemos unha primeira pedra moi importante e contribuiremos a que nada vaia ser igual de aquí en diante” para os medios en galego. Neste mesmo aspecto incidiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que asegurou que coa institución do Día dos Medios en Galego “estamos facendo historia” e adiantou que seguramente no 2019 haberá máis que os 32 medios que agora son socios de Amega. O representante da Xunta expresou o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística ás empresas xornalísticas que utilizan o galego ao tempo que pediu a estes medios que se atendan todas as ideoloxías e se poida “chegar a toda cidadanía no noso idioma”.

Na gala interviron representantes de todos os grupos parlamentarios. A do BNG, Ana Pontón, foi crítica coa Xunta e dixo que o goberno nega o seu apoio aos medios en galego, “porque non cre no seu país nin na súa lingua”, pero engadiu que o pobo “quere un espazo comunicativo forte e en galego”. Xaquín Fernández Leiceaga (PSOE) insistiu en que se necesitan máis medios “de referencia” en galego e apostou por un cambio nas políticas de comunicación e de promoción do galego, tamén para aumentar o número de lectores no noso idioma. Pola súa banda Antón Sánchez, de En Marea, lembrou que “xa hai un espazo de comunicación plural e libre na nosa lingua, queremos máis pero xa o hai” e referiuse ao “desi ual combate polas audiencias” que libran estes medios. Pediulles a estes, ademais, “a mesma crítica e rebeldía do Tío Marcos da Portela”. Por último, o representante do PP, César Fernández Gil, aludiu ao papel dos medios de comunicación na construcción do individuo colectivo e destacou a importancia do idioma galego nesta tarefa, para engadir que “a lingua non debe estar ao servizo da consecución dun fin, a lingua é un fin en si mesma”.

Ademais dos responsables políticos houbo outras intervencións, como a do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa, que destacou o valor que supón contar cun importante capital humano -os máis de dous mil titulados e tituladas saídos de Santiago nos últimos 25 anos- para crear novos medios en galego, ou a de Xoán Costa, responsable de Sermos Galiza, que anunciou a aparición dun novo xornal en galego para 2019.

Os representantes da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, e da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, estiveron tamén presentes para dar o seu apoio a esta gala, o mesmo que o da Mesa pola Normalización Lingüística, Manuel Rei, que fixo notar que o uso do galego é moi minoritario nos medios de maior difusión e que está máis presente nos de nivel local ou comarcal o que demostra -apuntou- que “hai un compromiso desde abaixo que non ten correspondencia nin apoio desde arriba”.

Falaron tamén representantes de varios medios en galego, ademais de Sermos Galiza. Luis Álvarez Pousa destacou as claves da permanencia de “Tempos Novos” desde hai 21 anos: independencia, pluralidade e calidade, ademais do uso da lingua do país, e avogou por un crecemento que permita aos medios en galego ser medios de referencia ademais de denunciar que os subvencionados pola Administración incumpren os mínimos criterios de uso do galego que se establecen para conceder as axudas. Xurxo Salgado (Galicia Confidencial) pediu que “acariñemos máis a nosa lingua e os nosos medios de comunicación en galego”, mentres que Pablo Chichas (Radio Estrada) explicou que no seu caso é precisamente o uso do idioma o que fai que conecten cos seus ouvintes. Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na costa) esixiu tamén “axudas de verdade” por parte da Administración e destacou que medios como o seu contribúen tamén a fixar postos de traballo no rural.

A gala, que foi presentada por Antón Cortizas e Pitusa Arias, contou con intervencións poéticas a cargo do colectivo literario Moraima e coa colaboración da contacontos Paula Carballeira e a cantante Eugenia Sanmartín.

Para pechar o acto, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, lembrou a historia de Radio Fene, creada como elemento para contribuír á creación de identidade a través da lingua e destacou que os medios de comunicación en galego “son fundamentais para nos consolidar como nación de seu que reivindica o lugar no mundo que por dereito nos corresponde”.

Unha fotografía conxunta no Monumento ao Camiñante Descoñecido, que inaugurou Otero Pedrayo en 1934, e unha comida de confraternidade puxeron fin a esta primeira gala que terá carácter itinerante nos vindeiros anos.

Fonte:  http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=20969


Colaboración do Colectivo Literario Moraima [A Grafía da Emoción] na Xornada sobre o Holocausto e a súa relación coa comarca de Ferrolterra: “O Holocausto e Ferrolterra. Lembrando as vítimas do Holocausto nazi da nosa comarca”


 O 27 de xaneiro de 1945 o exército soviético liberaba o campo de exterminio Auschwitz-Birkenau. Esta efeméride sería escollida pola ONU como a data na que conmemorar a memoria das vítimas do Holocausto (Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto). Foron os xudeus o principal obxectivo dos plans de exterminio posto en marcha polo réxime nazi, xunto a homosexuais, xitanos e aquelas persoas que por ter algún tipo de discapacidade eran rexeitadas polos nazis. Non obstante, non foron estes colectivos as únicas vítimas da maquinaria xenocida do III Reich.  

Neste senso, queremos lembrarnos daquelas persoas da nosa comarca, e a súa contorna, que estiveron presas nos campos de concentración nazis, e dos cales algúns deles nunca volveron a saír. En total 23 persoas dos concellos de Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Serantes, Ferrol, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Monfero, A Capela e Miño.
Por iso, dende a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga consideramos necesario afondar na divulgación destes feitos, a vez que se manteña viva a memoria das vítimas, e para elo levaremos a cabo unha serie de actos co título “O Holocausto e Ferrolterra. Lembrando as vítimas do Holocausto nazi da nosa comarca”, o vindeiro venres 2 de febreiro, ás 7 da tarde no Antigo Hospicio de Ferrol.

No mesmo tiveron lugar 2 actos: 
  • Un recital a cargo do Colectivo Literario Moraima, na que diferentes membros do mesmo lerán unhas composicións da súa propia autoría.
  • E posteriormente unha conferencia de Enrique Barrera Beitia (historiador, investigador e membro da Asociación Memoria Histórica Democrática) sobre a relación do holocausto nazi coa comarca de Ferrol.
Este acto está organizado pola Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, contou coa colaboración de Memoria Histórica Democrática de Ferrol e do Colectivo Literario Moraima, ao cal queremos agradecer profundamente a súa colaboración.
A Asociación Cultural Ferrolterra Antiga ten entre os seus obxectivos a investigación, promoción e divulgación do patrimonio histórico-cultural da comarca ferrolá e arredores, así como a programación de actividades culturais e de ocio.

sábado, 20 de xaneiro de 2018

Breve reportaxe fotográfica da colaboración de integrantes do Colectivo Literario Moraima [A Grafía da Emoción] no VI Encontro Literario Narart [Amigos del Arte] Narón (A Coruña) o pasado día 19 de xaneiro do 2018.

luns, 8 de xaneiro de 2018

Reportaxe fotográfica do primeiro recital, poético - narrativo - musical do noso colectivo Colectivo Literario Moraima [A Garfía da Emoción] no CCRD Perlío en Fene (A Coruña).

mércores, 27 de decembro de 2017

A poesía e a solidariedade únense en Fene da man do Colectivo Literario Moraima “A grafía da emoción”. O grupo recentemente formado organiza un recital poético musical en solidariedade co banco de alimentos Rias Altas de Ferrol.

Pregan á cidadanía que doe algún alimento non perecedoiro que irá destinado a familias que atravesan unha difícil situación económica. A cita será o xoves 4 de xaneiro ás seis da tarde no Círculo de Perlío.

A violinista Estrela Gómez actuará no evento no que recitarán poemas relacionados coa solidariedade Mariola Hermida, Esther Val, Matilde Castro, Araceli Margareto, Loreto de Castro, Inés Diana, Rosa Martinez, Aurora Varela, Blanca Gago, Andrés C.M. Riveira, Emilio Balado e Xurxo Gago.

Cantor dos aires,
paxariño alegre,
canta, canta por que o millo medre.
Cantor da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille que xa sal o sol dourado.
(…)
Arriba todas rapaciñas do lugar,
que o sol e a aurora xa vos ven a despertar.
Arriba, arriba toleirona mocedá, que aturuxaremos, cantaremos o alalá.

Cantares Gallegos. Rosalía de Castro


xoves, 30 de novembro de 2017


 

O pasado día 23 constituíuse na Casa da Cultura de Fene a agrupación poética “Moraima” [A Grafía da emoción], formada por participantes no obradoiro de escritura literaria organizado recentemente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración co Concello e a Deputación da Coruña. A finalidade do colectivo é promover a creación en lingua galega, ademais de espallar a fala, a cultura e a tradición por toda a comarca.

Segundo explican nunha nota de prensa, a razón de elixir o nome “Moraima” para a iniciativa literaria foi a de resaltar “a simbiose existente entre o poema de amor de Celso Emilio Ferreiro e a palabra Poesía, pois ao substituír a palabra Moraima pola palabra Poesía nese poema, descubrimos que reflicte á perfección a esencia da poesía e a razón de ser dunha/dun poeta”.

Desde o colectivo literario faise un chamamento “a todas aquelas persoas creadoras de poemas, ás persoas sensibles coa poesía e co mundo literario en lingua galega” para formar parte do proxecto, que se reunirá dúas veces ao mes en Fene. Nos encontros proporanse temas a partir dos que iniciar o proceso creativo, pero tamén para comentar obras propias e alleas e incluso preparar actos e recitais. En definitiva, xuntanzas que sirvan “para mergullarse no mundo literario galego ou para aprender unhas persoas das outras”.

Do grupo poético recén nacido forman parte Matilde Castro, Maribel Serantes, Mariola Hermida, Araceli Margareto, Candela Quintia, José Emilio Balado, Adelaida Abad, María Ortega, Mónica Cadavid, Xurxo Miguel Gago, Esther Val e Andrés C.M. Riveira.

Na súa maioría asistiron ao curso de escrita poética impartido polo escritor e poeta Pablo Bouza, promovido pola área municipal de Cultura e a AELG en colaboración coa Deputación da Coruña. Agora dán un paso máis emprendendo un camiño creativo propio chamado a converterse en referente poético de Ferrolterra e do resto de Galicia.

Fonte: Galicia Ártabra Digital: http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/169352

mércores, 29 de novembro de 2017

RADIOFUSIÓN:
 O colectivo literario Moraima vén de nacer en Fene froito do obradoiro de poesía que nas pasadas semanas impartiu Pablo Bouza. As persoas participantes decidiron crear este colectivo de intervención para seguir enganchados á poesía. Xurxo Miguel Gago é un dos máis entregados na fundación do grupo que se realizou oficialmente o pasado 23 de novembro na Casa da Cultura de Fene.

Xa teñen avanzado en iniciativas e preparan para xaneiro un recital solidario de música e poesía. O mestre xubilado, Emilio Balado, forma parte deste colectivo que subtitulan "A grafía da emoción" como recordo do obradoiro e de Pablo Bouza co que quedaron encantados.

Henrique Sanfiz, Xurxo Gago e Emilio Balado


Entre os obxectivos de Moraima está a participación poética solidaria, en hospitais, asociacións, residencias de maiores e en canto lugar precisen da súa palabra. Gago. O obradoiro culminou hai unhas semanas coa publicación dun libriño cos poemas dos participantes. Incluense poemas de Matilde Castro, Maribel Serantes, José Pita, Margarita Pérez, Mariola Hermida, Araceli Margareto, Candela Quintía, José Emilio Balado, Adelaida Abad, María Ortega, Mónica Cadavid, Xurxo Gago, Esther Val, Andrés C.M.Riveira, Pablo Bouza e Fina Díaz.


Escoitar Audio:
...
Xurxo Gago e Emilio Balado falan do colectivo Moraima


 

xoves, 23 de novembro de 2017

A Grafía da Emoción


Estimular a sensibilidade poética, fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía, internarse na riqueza da linguaxe poética, achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta, traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes, practicar técnicas poéticas, fomentar o gusto pola lectura poética e enfrontarse ao público (recital de poesía)… Son algúns dos obxectivos do obradoiro de creación literaria que organiza en Fene a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co patrocinio da Deputación da Coruña e Consellería de Cultura e coa colaboración da Concellería de Cultura e da Biblioteca Municipal de Fene.

Con esta actividade, que dirixirá o poeta fenés Pablo Bouza Suárez, preténdese “transmitir a experiencia apaixonante do acto creador” e “ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces”.
O obradoiro desenvolverase na Aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” entre os meses de setembro e novembro de 2017 (comezará o 14 de setembro e concluirá o 16 de novembro). Terá unha duración de 20 horas repartidas en 10 sesión de dúas horas cada unha e razón de unha sesión por semana. As clases serán os mércores ou xoves en horario de tarde, de 18.30 a 20.30 horas.

A metodoloxía do obradoiro será lúdico-descritiva (explicación, exemplificación, actividades e xogos). Nel fomentarase o traballo individual e en grupo, realizándose distintas propostas de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión. Tamén se procurará a participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro. E, por último, cada un dos/as participantes compartirá cos/as compañeiros/as as súas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a súa diferenza.

Segundo informan dende a Concellería de Cultura de Fene, as persoas que queiran participar no obradoiro de creación poética poderán anotarse do 1 ao 12 de setembro na Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” nos seguintes horarios: do 1 ao 8 de setembro, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. Os días 11 e 12 de setembro o horario será de 16:00 a 20:30 horas.
O único requisito que se esixe para participar nesta actividade é ser maior de 16 anos. Polo demais, a inscrición é gratuíta e as prazas (máximo de 20) adxudicaranse por orde de inscrición.

A Escola de Escritoras e Escritores da AELG é unha iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos.

PABLO BOUZA SUÁREZ

Pablo Bouza Suárez. Fene (A Coruña) en 1965. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como funcionario dende o ano 1990 no Concello de Culleredo (localidade onde reside), desempeñando o cargo de xefe de servizo de Cultura e Educación.
PREMIOS
3º premio no Certame de Poesía “Hernán Esquío” (1984).
Accésit no Certame Nacional de Poesía “Pérez Parallé” (2000).
1º Premio no Certame Nacional de Poesía “Pérez Parallé” (2002)
1º premio ex aequo no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2003).
1º premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2004).
1º premio no Certame de Poesía “Conde de Gondomar” no Val Miñor (2007).
3º premio no Certame de Poesía da Asociación “Rosalía de Castro” de Cornellá (Barcelona) (2007).
1º Premio no Certame de Poesía “Francisco Añón” (2008) do Concello de Outes.
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Marín”( 2009).
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2009).
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2010).

PUBLICACIÓNS
Libros:

In aeternum. Poesía, Deputación da Coruña (2007).
O home que falaba coas baleas. Colección Premio de Poesía “Francisco Añón”, Concello de Outes (2008).
Ingrávido Signo. Espiral Maior (2010)
Na intimidade do azougue. Espiral Maior (2011)
Os privilexios dos somnámbulos. Alvarellos Editora (2014)

Fonte:  http://www.fene.gal/portal-cidadan/noticia/gl/4064

 
Do 14 de setembro de 2017 ao 16 de novembro de 2017 
Unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Concello de Fene-Concellería de Cultura-Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria


Poesía: a grafía da emoción
Obradoiro de creación literaria

Impartido por Pablo Bouza.

Duración: 10 sesións de 2 horas cada unha (mércores e xoves: 14 setembro; 20 de setembro; 28 de setembro; 5 de outubro; 11 de outubro; 18 de outubro; 26 de outubro; 2 de novembro; 9 de novembro e 16 de novembro). A data de comezo é a do 14 de setembro de 2017.

Lugar: Aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé" de Fene (Avenida de Conces, 20-22). Como chegar.
20 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos. Todas as prazas cubertas.

Na sesión do 9 de novembro participará, como autor convidado, Miguel Anxo Fernán-Vello.


O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

OBXECTIVOS:

1. Estimular a sensibilidade poética e fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía.
2. Internarse na riqueza da linguaxe poética e das súas posibilidades expresivas.
3. Achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta.
4. Traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes.
5. Practicar técnicas poéticas.
6. Fomentar o gusto pola lectura poética.
7. Coñecer as características e fomentar o gusto pola literatura galega contemporánea.
8. Fomentar a creatividade do alumnado.
9. Perder o medo a experimentar coa linguaxe.
10. Enfrontarse ao público: recital de poesía.
METODOLOXÍA:

1. Lúdico-descritiva.: explicación, exemplificación, actividades e xogos.
2. Traballo individual e en grupo. Proposta de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión.
3. Participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro.
4.- Compartir cos/as outros/as as nosas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a nosa diferenza.
PROGRAMACIÓN E DESENVOLVEMENTO DO OBRADOIRO

1.- Que é a poesía? Para que serve a poesía? Autopoéticas.
Definicións clásicas de poesía. Autopoéticas de diferentes autores/as. Reflexionamos sobre o que significa para cada autor/a a poesía e faremos unha tentativa de autopoética por parte de cada alumno/a.
2.- Versos, rimas e estrofas. Medimos versos. Xogamos coas rimas e medidas. A poesía sen rima.
3.- Recursos literarios en poesía: recursos fonéticos e semánticos. A importancia poética das reiteracións (aliteracións, anáforas, textos monovocálicos, tautogramas, enumeracións...).
Traballamos sobre o poema “Medo”, de Raymond Carver.
4.- Xogamos e investigamos coa linguaxe: poemas roubados, poemas incompletos, poema completo, poema do eco, poemas narrados, poemas dialogados, poema Dadaísta, poema sobresdrúxulo, poema hipotético, poemas tolos, caligramas, poema do sol, poema vello/poema novo, centón, acrósticos, jitanjáforas, lipogramas e palíndromos.
5- Outras estruturas poéticas: poemas cunha única vogal, versos con monosílabos, acrósticos, rachamos palabras e creamos poemas... O contido poético das palabras. A brevidade intensa dos haikus.
6- Poemas que cambian as vidas. As miñas lecturas poéticas. Falamos e lemos sobre os nosos autores preferidos. Compartimos versos. Fontes literarias. A importancia da lectura poética.
7.- A lectura de poemas. Xogar coa lectura de poemas. Vocalizar, entoar, comunicar…
8.- Algunhas referencias sobre a poesía galega contemporánea e actual. Autor/a invitado/a.
9.- O estilo propio. A publicación da intimidade. Escribo o meu poema.
Lectura ou recital final.

*Esta programación poderá sufrir algún cambios e adaptarase ás esixencias e interese do grupo.

Primará o traballo de escrita e pretendo ser un mediador que ilusione aos alumnos. Contaxiar o pracer da poesía. Vivir a poesía e o proceso creativo coma unha festa da palabra.

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]