Novas

Amosando publicacións coa etiqueta Concello Fene. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Concello Fene. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de febreiro de 2018


  O antes e o despois do I Dia dos Medios en Galego

Barallobre: Algúns dos asistentes á I Gala dos Medios en Galego no Monumento ao Camiñante Descoñecido

A I Gala dos Medios en Galego reuniu hoxe no local da Liga de Amigos de Barallobre, en Fene, a representantes políticos e do mundo cultural e social da man asociación Amega (Asociación de Medios en Galego), impulsora da celebración. A gala é a antesala da celebración do Día dos Medios en Galego, para o que se elixiu o 7 de  febreiro por coincidir co aniversario do nacemento da publicación periódica “O tío Marcos da Portela”, xurdida en Ourense en 1876 con Valentín Lamas Carbajal como editor. Nesa data está prevista unha declaración institucional no Parlamento Galego apoiada por todos os grupos políticos.


Nunha ateigada sala, o presidente de Amega e anfitrión da gala, Henrique Sanfiz, quixo destacar a significación do Día dos Medios en Galego como unha data para pedir apoio das institucións e a cidadanía para os medios de comunicación que empregan a nosa lingua; e tamén para lembrar “heroicidades” como a de “O tío Marcos da Portela”, que conseguiu chegar a vender 4.000 exemplares cando máis do 60% da poboación galega era analfabeta.

Sanfiz mostrouse optimista e convencido de que “hoxe poñemos unha primeira pedra moi importante e contribuiremos a que nada vaia ser igual de aquí en diante” para os medios en galego. Neste mesmo aspecto incidiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que asegurou que coa institución do Día dos Medios en Galego “estamos facendo historia” e adiantou que seguramente no 2019 haberá máis que os 32 medios que agora son socios de Amega. O representante da Xunta expresou o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística ás empresas xornalísticas que utilizan o galego ao tempo que pediu a estes medios que se atendan todas as ideoloxías e se poida “chegar a toda cidadanía no noso idioma”.

Na gala interviron representantes de todos os grupos parlamentarios. A do BNG, Ana Pontón, foi crítica coa Xunta e dixo que o goberno nega o seu apoio aos medios en galego, “porque non cre no seu país nin na súa lingua”, pero engadiu que o pobo “quere un espazo comunicativo forte e en galego”. Xaquín Fernández Leiceaga (PSOE) insistiu en que se necesitan máis medios “de referencia” en galego e apostou por un cambio nas políticas de comunicación e de promoción do galego, tamén para aumentar o número de lectores no noso idioma. Pola súa banda Antón Sánchez, de En Marea, lembrou que “xa hai un espazo de comunicación plural e libre na nosa lingua, queremos máis pero xa o hai” e referiuse ao “desi ual combate polas audiencias” que libran estes medios. Pediulles a estes, ademais, “a mesma crítica e rebeldía do Tío Marcos da Portela”. Por último, o representante do PP, César Fernández Gil, aludiu ao papel dos medios de comunicación na construcción do individuo colectivo e destacou a importancia do idioma galego nesta tarefa, para engadir que “a lingua non debe estar ao servizo da consecución dun fin, a lingua é un fin en si mesma”.

Ademais dos responsables políticos houbo outras intervencións, como a do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa, que destacou o valor que supón contar cun importante capital humano -os máis de dous mil titulados e tituladas saídos de Santiago nos últimos 25 anos- para crear novos medios en galego, ou a de Xoán Costa, responsable de Sermos Galiza, que anunciou a aparición dun novo xornal en galego para 2019.

Os representantes da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, e da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, estiveron tamén presentes para dar o seu apoio a esta gala, o mesmo que o da Mesa pola Normalización Lingüística, Manuel Rei, que fixo notar que o uso do galego é moi minoritario nos medios de maior difusión e que está máis presente nos de nivel local ou comarcal o que demostra -apuntou- que “hai un compromiso desde abaixo que non ten correspondencia nin apoio desde arriba”.

Falaron tamén representantes de varios medios en galego, ademais de Sermos Galiza. Luis Álvarez Pousa destacou as claves da permanencia de “Tempos Novos” desde hai 21 anos: independencia, pluralidade e calidade, ademais do uso da lingua do país, e avogou por un crecemento que permita aos medios en galego ser medios de referencia ademais de denunciar que os subvencionados pola Administración incumpren os mínimos criterios de uso do galego que se establecen para conceder as axudas. Xurxo Salgado (Galicia Confidencial) pediu que “acariñemos máis a nosa lingua e os nosos medios de comunicación en galego”, mentres que Pablo Chichas (Radio Estrada) explicou que no seu caso é precisamente o uso do idioma o que fai que conecten cos seus ouvintes. Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na costa) esixiu tamén “axudas de verdade” por parte da Administración e destacou que medios como o seu contribúen tamén a fixar postos de traballo no rural.

A gala, que foi presentada por Antón Cortizas e Pitusa Arias, contou con intervencións poéticas a cargo do colectivo literario Moraima e coa colaboración da contacontos Paula Carballeira e a cantante Eugenia Sanmartín.

Para pechar o acto, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, lembrou a historia de Radio Fene, creada como elemento para contribuír á creación de identidade a través da lingua e destacou que os medios de comunicación en galego “son fundamentais para nos consolidar como nación de seu que reivindica o lugar no mundo que por dereito nos corresponde”.

Unha fotografía conxunta no Monumento ao Camiñante Descoñecido, que inaugurou Otero Pedrayo en 1934, e unha comida de confraternidade puxeron fin a esta primeira gala que terá carácter itinerante nos vindeiros anos.

Fonte:  http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=20969

mércores, 27 de decembro de 2017

A poesía e a solidariedade únense en Fene da man do Colectivo Literario Moraima “A grafía da emoción”. O grupo recentemente formado organiza un recital poético musical en solidariedade co banco de alimentos Rias Altas de Ferrol.

Pregan á cidadanía que doe algún alimento non perecedoiro que irá destinado a familias que atravesan unha difícil situación económica. A cita será o xoves 4 de xaneiro ás seis da tarde no Círculo de Perlío.

A violinista Estrela Gómez actuará no evento no que recitarán poemas relacionados coa solidariedade Mariola Hermida, Esther Val, Matilde Castro, Araceli Margareto, Loreto de Castro, Inés Diana, Rosa Martinez, Aurora Varela, Blanca Gago, Andrés C.M. Riveira, Emilio Balado e Xurxo Gago.

Cantor dos aires,
paxariño alegre,
canta, canta por que o millo medre.
Cantor da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille que xa sal o sol dourado.
(…)
Arriba todas rapaciñas do lugar,
que o sol e a aurora xa vos ven a despertar.
Arriba, arriba toleirona mocedá, que aturuxaremos, cantaremos o alalá.

Cantares Gallegos. Rosalía de Castro


xoves, 14 de decembro de 2017




Recollida solidaria de alimentos no C.C.R.D. de Perlío, o xoves día 4 de xanerio de 2018 de 18:00 a 19:00 horas. Coa presenza do Colectivo Literario Moraima [A grafía da Emoción] e a violinista Estrela Gómez.

Voluntariado do Banco de Alimentos Rías Altas, habilitarán unha mesa de recollida de alimentos. Acudide! Haberá poesía, música e moita solidariedade.

Organiza: Colectivo Literario Moraima [A grafía da Emoción].

Colaboran: Círculo Cultural, Recreativo y Deportivo de Perlío, Banco de alimentos de Ferrol e Concello de Fene

Fonte:  http://www.circuloperlio.es/recital-poetico-musical-solidariedade-co-banco-alimentos-ferrol/

xoves, 23 de novembro de 2017

 
Do 14 de setembro de 2017 ao 16 de novembro de 2017 
Unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Concello de Fene-Concellería de Cultura-Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria


Poesía: a grafía da emoción
Obradoiro de creación literaria

Impartido por Pablo Bouza.

Duración: 10 sesións de 2 horas cada unha (mércores e xoves: 14 setembro; 20 de setembro; 28 de setembro; 5 de outubro; 11 de outubro; 18 de outubro; 26 de outubro; 2 de novembro; 9 de novembro e 16 de novembro). A data de comezo é a do 14 de setembro de 2017.

Lugar: Aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé" de Fene (Avenida de Conces, 20-22). Como chegar.
20 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos. Todas as prazas cubertas.

Na sesión do 9 de novembro participará, como autor convidado, Miguel Anxo Fernán-Vello.


O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

OBXECTIVOS:

1. Estimular a sensibilidade poética e fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía.
2. Internarse na riqueza da linguaxe poética e das súas posibilidades expresivas.
3. Achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta.
4. Traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes.
5. Practicar técnicas poéticas.
6. Fomentar o gusto pola lectura poética.
7. Coñecer as características e fomentar o gusto pola literatura galega contemporánea.
8. Fomentar a creatividade do alumnado.
9. Perder o medo a experimentar coa linguaxe.
10. Enfrontarse ao público: recital de poesía.
METODOLOXÍA:

1. Lúdico-descritiva.: explicación, exemplificación, actividades e xogos.
2. Traballo individual e en grupo. Proposta de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión.
3. Participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro.
4.- Compartir cos/as outros/as as nosas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a nosa diferenza.
PROGRAMACIÓN E DESENVOLVEMENTO DO OBRADOIRO

1.- Que é a poesía? Para que serve a poesía? Autopoéticas.
Definicións clásicas de poesía. Autopoéticas de diferentes autores/as. Reflexionamos sobre o que significa para cada autor/a a poesía e faremos unha tentativa de autopoética por parte de cada alumno/a.
2.- Versos, rimas e estrofas. Medimos versos. Xogamos coas rimas e medidas. A poesía sen rima.
3.- Recursos literarios en poesía: recursos fonéticos e semánticos. A importancia poética das reiteracións (aliteracións, anáforas, textos monovocálicos, tautogramas, enumeracións...).
Traballamos sobre o poema “Medo”, de Raymond Carver.
4.- Xogamos e investigamos coa linguaxe: poemas roubados, poemas incompletos, poema completo, poema do eco, poemas narrados, poemas dialogados, poema Dadaísta, poema sobresdrúxulo, poema hipotético, poemas tolos, caligramas, poema do sol, poema vello/poema novo, centón, acrósticos, jitanjáforas, lipogramas e palíndromos.
5- Outras estruturas poéticas: poemas cunha única vogal, versos con monosílabos, acrósticos, rachamos palabras e creamos poemas... O contido poético das palabras. A brevidade intensa dos haikus.
6- Poemas que cambian as vidas. As miñas lecturas poéticas. Falamos e lemos sobre os nosos autores preferidos. Compartimos versos. Fontes literarias. A importancia da lectura poética.
7.- A lectura de poemas. Xogar coa lectura de poemas. Vocalizar, entoar, comunicar…
8.- Algunhas referencias sobre a poesía galega contemporánea e actual. Autor/a invitado/a.
9.- O estilo propio. A publicación da intimidade. Escribo o meu poema.
Lectura ou recital final.

*Esta programación poderá sufrir algún cambios e adaptarase ás esixencias e interese do grupo.

Primará o traballo de escrita e pretendo ser un mediador que ilusione aos alumnos. Contaxiar o pracer da poesía. Vivir a poesía e o proceso creativo coma unha festa da palabra.

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]