Do 14 de setembro de 2017 ao 16 de novembro de 2017
Unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración
do Concello de Fene-Concellería de Cultura-Biblioteca Pública Municipal
Xosé María Pérez Parallé e o patrocinio da Deputación da Coruña e a
Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Poesía: a grafía da emoción
Obradoiro de creación literaria
Impartido por Pablo Bouza.
Duración: 10 sesións de 2 horas cada unha (mércores e xoves: 14
setembro; 20 de setembro; 28 de setembro; 5 de outubro; 11 de outubro;
18 de outubro; 26 de outubro; 2 de novembro; 9 de novembro e 16 de
novembro). A data de comezo é a do 14 de setembro de 2017.
Lugar: Aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé" de Fene (Avenida de Conces, 20-22). Como chegar.
20 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos. Todas as prazas cubertas.
Na sesión do 9 de novembro participará, como autor convidado, Miguel Anxo Fernán-Vello.
O
obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG,
iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de
todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que
se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha
iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir
a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á
sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o
seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta
por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural
propio no que asentar as súas raíces.
OBXECTIVOS:
1. Estimular a sensibilidade poética e fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía.
2. Internarse na riqueza da linguaxe poética e das súas posibilidades expresivas.
3. Achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta.
4. Traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes.
5. Practicar técnicas poéticas.
6. Fomentar o gusto pola lectura poética.
7. Coñecer as características e fomentar o gusto pola literatura galega contemporánea.
8. Fomentar a creatividade do alumnado.
9. Perder o medo a experimentar coa linguaxe.
10. Enfrontarse ao público: recital de poesía.
METODOLOXÍA:
1. Lúdico-descritiva.: explicación, exemplificación, actividades e xogos.
2. Traballo individual e en grupo. Proposta de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión.
3. Participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro.
4.- Compartir cos/as outros/as as nosas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a nosa diferenza.
PROGRAMACIÓN E DESENVOLVEMENTO DO OBRADOIRO
1.- Que é a poesía? Para que serve a poesía? Autopoéticas.
Definicións
clásicas de poesía. Autopoéticas de diferentes autores/as.
Reflexionamos sobre o que significa para cada autor/a a poesía e faremos
unha tentativa de autopoética por parte de cada alumno/a.
2.- Versos, rimas e estrofas. Medimos versos. Xogamos coas rimas e medidas. A poesía sen rima.
3.-
Recursos literarios en poesía: recursos fonéticos e semánticos. A
importancia poética das reiteracións (aliteracións, anáforas, textos
monovocálicos, tautogramas, enumeracións...).
Traballamos sobre o poema “Medo”, de Raymond Carver.
4.-
Xogamos e investigamos coa linguaxe: poemas roubados, poemas
incompletos, poema completo, poema do eco, poemas narrados, poemas
dialogados, poema Dadaísta, poema sobresdrúxulo, poema hipotético,
poemas tolos, caligramas, poema do sol, poema vello/poema novo, centón,
acrósticos, jitanjáforas, lipogramas e palíndromos.
5-
Outras estruturas poéticas: poemas cunha única vogal, versos con
monosílabos, acrósticos, rachamos palabras e creamos poemas... O contido
poético das palabras. A brevidade intensa dos haikus.
6-
Poemas que cambian as vidas. As miñas lecturas poéticas. Falamos e
lemos sobre os nosos autores preferidos. Compartimos versos. Fontes
literarias. A importancia da lectura poética.
7.- A lectura de poemas. Xogar coa lectura de poemas. Vocalizar, entoar, comunicar…
8.- Algunhas referencias sobre a poesía galega contemporánea e actual. Autor/a invitado/a.
9.- O estilo propio. A publicación da intimidade. Escribo o meu poema.
Lectura ou recital final.
*Esta programación poderá sufrir algún cambios e adaptarase ás esixencias e interese do grupo.
Primará
o traballo de escrita e pretendo ser un mediador que ilusione aos
alumnos. Contaxiar o pracer da poesía. Vivir a poesía e o proceso
creativo coma unha festa da palabra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario