O pasado día 23 constituíuse na Casa da Cultura de Fene a agrupación poética “Moraima” [A
Grafía da emoción], formada por participantes no obradoiro de escritura
literaria organizado recentemente pola Asociación de Escritores en
Lingua Galega en colaboración co Concello e a Deputación da Coruña. A
finalidade do colectivo é promover a creación en lingua galega, ademais
de espallar a fala, a cultura e a tradición por toda a comarca.
Segundo explican nunha nota de prensa, a razón de elixir o nome “Moraima” para a iniciativa literaria foi a de resaltar “a
simbiose existente entre o poema de amor de Celso Emilio Ferreiro e a
palabra Poesía, pois ao substituír a palabra Moraima pola palabra Poesía
nese poema, descubrimos que reflicte á perfección a esencia da poesía e
a razón de ser dunha/dun poeta”.
Desde o colectivo literario faise un chamamento “a todas aquelas
persoas creadoras de poemas, ás persoas sensibles coa poesía e co mundo
literario en lingua galega” para formar parte do proxecto, que se
reunirá dúas veces ao mes en Fene. Nos encontros proporanse temas a
partir dos que iniciar o proceso creativo, pero tamén para comentar
obras propias e alleas e incluso preparar actos e recitais. En
definitiva, xuntanzas que sirvan “para mergullarse no mundo literario
galego ou para aprender unhas persoas das outras”.
Do grupo poético recén nacido forman parte Matilde Castro, Maribel
Serantes, Mariola Hermida, Araceli Margareto, Candela Quintia, José
Emilio Balado, Adelaida Abad, María Ortega, Mónica Cadavid, Xurxo Miguel
Gago, Esther Val e Andrés C.M. Riveira.
Na súa maioría asistiron ao curso de escrita poética impartido polo escritor e poeta Pablo Bouza,
promovido pola área municipal de Cultura e a AELG en colaboración coa
Deputación da Coruña. Agora dán un paso máis emprendendo un camiño
creativo propio chamado a converterse en referente poético de
Ferrolterra e do resto de Galicia.
Fonte: Galicia Ártabra Digital: http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/169352
Ningún comentario:
Publicar un comentario