Novas

domingo, 26 de novembro de 2017

Araceli Margareto Noya


                                                             ARACELI MARGARETO NOYA

HAIKUS


Outono dourado
ronsel de follas secas
tapiz do bosque.

Estrela fugaz
esgótase nun intre
fica nos soños.

Solpor do outono
ceo de vermellas cores
ardora no mar.

                                                             ARACELI MARGARETO NOYA
 

CHANTEIRO

Cando volvo á praia da miña infancia,
 -no verán-,
sinto a súa salobre esencia,
 saboreo as súas ondas,
torno serea entre os argazos.

É o meu pequeno mar,
parte de min, do meu ser.
Fúndome con el e deixo de ser eu,
son auga, son sal, son azul,
                   son onda, son rocha...
a miña mente baleirase
e son indefinidamente feliz.

Quero ser sempre serea,
e nadar,
nadar ata volver ser onda.

Lamber coa miña xerfa
os pequenos pés dos nenos
e facer cabriolas no vento.

Quero ser sempre serea,
       e nadar...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]