Novas

domingo, 26 de novembro de 2017

Xurxo Miguel Gago Chao

                     
                                                            

                                                             Xurxo Miguel Gago Chao
    
     “Endecasilabando”

              A Escrita

                 I

 
A poesía é o espello das vidas
a diversidade de arquetipos
que mostra diverxentes paradigmas,
transformando sentires reflectidos
en mares de infinitas perspectivas.
A poesía é un mar que asubía
que suscita sentires prospectivos,
acendendo improvisadas faíscas
no oco máis fondo dos nosos sentidos,
onde moran as razóns esculpidas.
A poesía é corrente fervente,
unha masa volátil de saberes,
coma sinuoso raio incandescente
que converte as mágoas en praceres
e inxecta ao siso razón convincente.
A poesía é rego de semente
onde xerminan novos entenderes,
variado xardín de froito elocuente,
un verxel sen dereitos nin deberes
onde crecen soños eternamente.

                      II

Poesía, templo da liberdade,
un paraíso do libre albedrío
onde a palabra logra inmensidade,
os murmurios das musas poderío;
senlleiros versos magnanimidade.
Poesía, catedral do arrepío,
letras de arcana singularidade
onde se transita do quente ao frío
do asincronismo á simultaneidade.
A poesía é pergamiño vello
fiel alugamento de profecías
berce de etéreo sentir senlleiro
coma pel seca enchida de porfías
cosida con teima e con sentimento.
Unha troba impresa na pel curtida
sempre indemne ante o acoso do tempo
idílica tatuaxe ennobrecida,
rexo significado bulideiro,
heterodoxa fe surrealista.
Poesía, enerxía transformada
en raios ígneos de cavilación
por vía streaming dende a mesma alma
facendo o corazón de servidor,
sinal ao senso e xorde a palabra.
Da verba sobranceira á expresión
nacendo versos nun abracadabra
froito de ensimesmada conexión
xorde unha composición literaria
mensaxe emancipadora do amor.
                                                                    
                                                                  Xurxo Miguel Gago Chao  
 
         A Desmemoria 

                    I

 
Quen somos sen feitos verificados,
sen as lembranzas das vellas memorias,
sen contos verídicos do pasado,
sen vivificar as humanas glorias,
sen cometido erro asimilado?
Quen somos sen o influxo das historias
apiñadas nun oco desleixado
rebumbio argalleiro das desmemorias
arrexuntadas nun triste faiado,
condenadas a penas vexatorias?
Quen somos sen os saberes teimudos,
sen as eruditas mentes diagnósticas,
sen analistas dos feitos maduros
que tributan circunstancias insólitas
mergullados en íntimos estudos?
- 39 -
Quen somos sen un colectivo impulso,
sen formar filamento de honra indómita,
unidade pétrea, fiel orgullo
desprovisto de estigma e de discordia
que clarexe os pasados claroscuros?

                       II

Onde vai aquela nervada unidade
que ía camiñando cara un mesmo fin
berrando sempre a prol da liberdade
construíndo patria, facendo país,
emblema da galaica dignidade?
E o sentimento adhesivo de unir,
o pegamento da comunidade,
contestatario xuízo ante o sufrir
e brava loita contra a necidade,
diamante en bruto do noso porvir?
Unha terra que perde identidade
é coma un carro sen os estadullos
que carrexando perde calidade
ou coma uns empapados garabullos
que nunca prenden por mor da humidade.
Sen o acervo, pusilanimidade;
terra medrosa emporcada de entullo
coma poza en eterna sequidade,
coma uva estrullada que non ten bullo,
terra sen xugo e sen afinidade.

                       III

Vivo xunto a xente desmemoriada
enchida de escusas por non saber
máis de corenta anos adurmiñada
e cando é libre prefire o inglés
deixando a nosa lingua anestesiada.
Atraente imán que fai eslumecer
a nosa nobre lingua benfalada
sempre predisposta a madurecer,
sempre revive coma a alborada
boa fiucega para o noso ser.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]