Novas

Biografías

Pablo Bouza Suárez


Pablo Bouza Suárez. Fene (A Coruña) en 1965. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como funcionario dende o ano 1990 no Concello de Culleredo (localidade onde reside), desempeñando o cargo de xefe de servizo de Cultura. Participa nos II e III Encontros de Pintura e Poesía organizado pola Deputación Provincial da Coruña. Xurado no Certame Manuel Murguía de ensaio da Deputación Provincial da Coruña. Anos 2004 e 2006. Xurado no Certame Literario Suárez Ferrin. FEPS. 2008-2009. Participa nos I e II Diálogo de Pintura e Poesía. Culleredo 2008-2009.

Participa no III Encontro coa Arte. Lembrando a “Blanco Amor”. Brión 2008.
Ten publicado poemas en revistas como Poesía Galicia ou Anuario Brigantino.
Participa como poeta no proxecto-exposición “Unha marea de amor” no 25º Aniversario do Centro de Orientación Familiar da Coruña.

PREMIOS
3º premio no Certame de Poesía “Hernán Esquío” (1984).
Accésit no Certame Nacional de Poesía “Pérez Parallé” (2000).
1º Premio no Certame Nacional de Poesía “Pérez Parallé” (2002)
1º premio ex aequo no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2003).
1º premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2004).
1º premio no Certame de Poesía “Conde de Gondomar” no Val Miñor (2007).
3º premio no Certame de Poesía da Asociación “Rosalía de Castro” de Cornellá (Barcelona) (2007).
1º Premio no Certame de Poesía “Francisco Añón” (2008) do Concello de Outes.
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Marín”( 2009).
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2009).
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2010).

PUBLICACIÓNS
 Artigos:
-“Notas da viaxe iniciática dun aprendiz de poeta na busca do espírito de Mariñán”, pp: 25-29, en AAVV: II Encontro coa pintura e a poesía, Deputación da Coruña, A Coruña, 2006.

-“Jano Muñoz. Pintura clásica contemporánea”, en Catálogo da exposición de Jano Muñoz, Caixanova (2007).

-“As escolas culturais de Culleredo: da democracia cultural á transformación social”. Interea visual. Deputación da Coruña, 2006.

-“Poemas” en catálogo da exposición “La piel de la piedra” do escultor Francisco Escudero, Galería Coleccionan, A Coruña 2009.

Libros:
In aeternum. Poesía Deputación da Coruña (2007).
O home que falaba coas baleas. Colección Premio de Poesía “Francisco Añón” Concello de Outes (2008).
Ingrávido Signo. Espiral Maior (2010)
Na intimidade do azougue. Espiral Maior (2011)
Na procura do Norte. Alvarellos Editora (No prelo)


Benvida ao Colectivo Literario de Pablo Bouza:


BENVIDA MORAIMA!!!
BENVIDA POESÍA!!!


O nacemento dun grupo, unha asociación ou unha entidade de carácter cultural sempre é un motivo de "Noraboa" para todos e todas os que formamos parte desta sociedade, ás veces, tan utilitarista e mercantilista. Se o que nace, ademais, é un grupo poético- literario a satisfacción é dobre , en tanto que a obsesión polo culto á utilidade está a poñer en serio perigo os valores máis fundamentais da humanidade e aí teñen que estar a filosofía, a historia, a literatura e sobre todo a poesía para facer máis humana a humanidade.

No meu caso o nacemento deste colectivo literario “Moraima. A grafía da emoción” prodúceme unha,  se cabe máis , fonda satisfacción en tanto que nace ao abeiro do obradoiro de poesía celebrado este outono baixo o auspicio da AELG e coa colaboración do Concello e Fene e o patrocinio da Deputación e Xunta de Galicia e que eu tiven o pracer de coordinar.

Cando aló polo mes de maio a AELG propúxome impartir este obradoiro no marco da súa Escola de Escritoras e Escritores en Fene, non dubidei nin un instante en aceptar a pesares de ser a miña primeira experiencia neste eido e a responsabilidade e respecto que me merece a docencia en calquera sexa o seu campo. Pero como dicir non a unha proposta, calquera que sexa, en Fene, o meu pobo e a miña referencia vital.

Agora, xa rematado este obradoiro e despois de coñecer ao grupo de poetas que compartiron conmino espazo de creación e debate arredor da Poesía,  sinto un enorme agrado e fachenda de telos coñecido. Foron momentos dunha alta intensidade poética, de auténtico pracer estético e de vivencia do proceso creativo como unha festa da palabra.

É foi sobre todo emoción. O título que puxen a este obradoiro, e que agora con  cariño deste grupo de escritoras e escritores subtitula o nome deste colectivo literario, non foi de balde: Poesía: a grafía da emoción. E con emoción  vos podo dicir que vivín con todo o grupo, con estas e estes 15 poetas unhas xornadas inesquecibles para min, polo que vos estou moi agradecido e se en algo a miña participación neste obradoiro podo influír no nacemento deste colectivo xa a satisfacción sería enorme.

De todos estas e estes poetas podería dicir moitas cousas, todas boas por suposto, cada unha e cada un ten a súa propia voz poética, a súa maneira de transmitir o que leva dentro, a súa maneira de reinterpretar a realidade e a súa forma de ver o mundo; pero todas e todos coinciden nunha cousa fundamental para escribir poesía: a sensibilidade e a necesidade de vivir poeticamente.

De seguro que o colectivo literario “Moraima” (A grafía da emoción”) vai ocupar un espazo de creación e difusión literaria na comarca de Ferrolterra, e oxalá en toda Galicia, e facernos pasar momentos inesquecibles cheos de poesía e literatura. Agardo que, ademais esta iniciativa, sirva a estes e estas poetas a continuar na senda da escrita e da poesía como alimento fundamental do espírito, do seu e do de todas e todos aos que van chegar as súas palabras.
Parabéns a todas e todos os que formades este colectivo literario “Moraima” (A grafía da emoción), moitas grazas desde o corazón por me ter aportado tanto  e o meu sincero desexo de éxitos.

Cando quero soñar
                         Digo poesía.

                                 Digo poesía
                                        cando a noite é pechada.


                                           Digo poesía
                                                e ponse a luz en marcha.



BIOGRAFÍAS DO COLECTIVO LITERARIO MORAIMA
 [A GRAFÍA DA EMOCIÓN]


esther val rodríguez 

Nacín en 1962. Funcionaria administrativa de profesión e escritora afeccionada por vocación. Lectora empedernida desde moza. Ao longo da miña traxectoria vocacional participei en diversos talleres de lectura e escritura, o que me levou a ter a fortuna de coñecer a algúns dos escritores importantes da literatura galega. O que mellor podería definirme é un poema que escribín:



se fose palabra
podería ser metáfora, 
ondada, abrazo,
papoula, 
ou masa nai,
tamén bágoas 
de San Lorenzo, 
ou ballón 
de verán 
se non tivese medo
ser, mesmo, desexo


Araceli Margareto Noya



Moi pequena poetisa en cernes. Escrito non teño case ren. Pero no corazón, si. Procurando sacalo para fóra. Con gañas de aprender moito destes compañeir@s poetas. Todo comezou cun obradoiro de escritura en Ares. Serviume de analxésico (como diría noso poeta Antón Cortizas!). E aquí estou, con todos vós, feliz de coñecervos, e con gañas de aprender de vós. Con moitas ilusións. Amo a poesía un montón. Son nai. Traballando nun laboratorio. Xardineira,  sendeirista e reposteira.




Adelaida Abad Isla


Nacín unha tarde nevada de febreiro, fronte ao mar.
A miña infancia está chea de paisaxes,
de cunchas de mar
de picos nevados habitados por osos
de asfalto brillante de chuvia e vento e
de aromas de pobo transhumante.
A miña adolescencia rebelde
segue na miña compaña
nas noites máis escuras.
Marchei da casa aos 21 anos
porque tiña que marchar,
coa promesa de non volver.
Despois de 30 mantense firme
mantense en pe.
Vin a parar a Galiza

namorada da súa luz, da súa xente,
das paisaxes, das cores, da néboa...
e por este recuncho ártabro
seguen os meus ósos,
percorrendo portos, fragas, pobos
nos que atopar ás musas que entre eles se agochan.
Desde nena escribo pra min,

o meu rubor impedíame
abrir as follas dos meus cadernos e
e deixar saír os meus versos, os meus contos
e as miñas historias polo mundo adiante.
Agardaban amoreadas nas cadernos

agochadas nunha enorme gabeta,
a que xuntara o valor pra guindalas ao vento,
para berrar coa miña voz.
Xa pasado medio século

a timidez e o temor tornáronse
sen atrevemento, ata a ousadía tal vez
deixando voar do seu encerro
as verbas saídas do meu corazón.
Atopei unha conxunción

entre o espazo e o tempo
para entregarvos dende aquí
todo o que teñades a ben recibir.



Xurxo Miguel Gago Chao


Espírito mariñeiro en terra. Ferreiro. Mediador Socio-Cultural. Integrante do Colectivo Literario Moraima [A Grafía da Emoción]. Integrante do Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís. Persoa inqueda e loitadora. Medre o Mar!
 
Poesía,
verbas doces e agridoces,
un conxunto de ocorrencias
tralas vívidas experiencias
nos percorridos camiños
quentes, mornos e fríos.
Un cardume de vivencias amasadas
que saen do forno do sabio espírito
e que pousan sobre os estantes
do arquivo xeral do noso ser.
Un bosque con miles de conclusións
sementadas no percorrido da existencia
regadas pola antigüidade vital
de cada unilateral alma.
A poesía é a voz melódica do corazón
acompañada polo barítono destino,
co tempo de ilustre tenor
e os acordes da orquestra da inspiración.



Mariola Hermida Romero


Nacín en Anca. Un día de primavera, cando as margaridas se erguen ao sol. Alí pasei os seis primeiros anos da miña vida. Anos que  marcarán a miña personalidade para sempre. Teño todos os recordos ben gardados. E todo o amor tamén. Coido que foi neses primeiros anos cando comecei a ollar como poeta. Educáronme para iso o vento coándose entre as  mimosas, o  río que levaba a auga fresca, os campos plantados de alcacén, as espigas de maínzo, o melodioso canto dos xílgaros  nas cerdeiras, a mirada da madriña, os ollos azuis do avó, as fermosas  calas brancas ... Tamén as palabras que ás veces saían en forma de oracións ou en historias de pantasmas ao carón da cociña de leña. Son poeta da vida,  de todos eses sentimentos que nos definen como persoas. Son poeta de miradas interiores, de balcóns que se abren para amosar a simplicidade das cousas pequenas elevándoas ao máis alto. Dos detalles cotiás. Poeta de olladas.

Resido en Fene. Formei parte dun obradoiro literario durante dez anos a cargo de Eduardo Estévez. Tamén doutros talleres de lectura e narrativa. Os meus poemas están espallados nalgunhas revistas literarias. Participo en recitais de poesía sempre que podo.


Publiquei dous poemarios. O primeiro en castelán: "Alrededor de uno mismo"e o outro en galego: "Zurcindo Latexos". 


Agora pertenzo a este Colectivo Literario Moraima e espero de todo corazón que de aquí xurdan novos traballos  e que poidamos achegar a nosas letras a todos os que estean interesados. Porque a poesía é vida!


WEB:  http://cinamomorosa-mariola.blogspot.com.es


Mónica Cadavid Marín 



Chámome Mónica. Nacín en Ferrol no ano 1974. E Son nai, cómplice, paciente, sufridora. Como dicía o anuncio: Asistenta, enfermeira, psicóloga motivadora, cociñeira e administradora. De oficio asistente Sociocomunitario. Noutros momentos dediquei tempo á cociña e á repostaría en grandes eventos. Uf! Pero, ante todo, nai dunha nena que tira polos meus espertares xa durmidos. Que non se faría polos fillos? Ela ten a culpa da miña asistencia ao magnífico Obradoiro de poesía. De ela vén a miña dedicación á poesía e a pertenza a este literario colectivo. Agradézollo!


María Ortega Cadavid (Misaki) 
 

Chámome María Ortega (Misaki), teño 16 anos, si, son moi xovenciña... Entre as miñas paixóns atópanse os deportes de contacto, sobre todo, o boxeo e o kickboxing, e tanto a pintura como a poesía; o que máis desexo é adicarme a isto nun futuro. WEB: http://epitafiomental.blogspot.com.es


José Emilio Balado Paz

Despois de pasar dezaseis anos traballando na empresa nacional Bazán, decidín me converter en mestre, profesión que profesei durante trinta e tres anos, vinte oito deles coma mestre de primaria no colexio de Centieiras de Fene. Dende neno, sempre me gustou a poesía. Despois de trinta e tres anos no ensino convertinme nun aprendiz de poeta, e aquí estou, coa ilusión dun neno no día de reis.

Andrés C. M. Riveira
 


Nado en Ortigueira en 1982, estuda Humanidades e Dereito, así como un par de linguas na EOI. Actualmente é opositor de día e soñador onironauta de noite. Defínese como lector ávido, melómano recalcitrante e cinéfilo sen criterio. Tamén se lle da ben odiar cousas, pero isto xa como hobby.

Como escritor, iníciase na Poesía aos 14 anos, pasando decontado á narrativa, breve e longa. Algunhas desas pezas apareceron espalladas en publicacións colectivas, periódicos, revistas...

De 2001 a 2008, colabora regularmente coa revista universitaria Morituri, editada pola Asociación Virus Hermenéutico da UDC. Esta mesma asociación sería a responsable da aparición do seu libro de relatos Parecía tan normal, en 2007.

En 2004, 2005 e 2008, participa nos tres Cursos de Narrativa Torrente Ballester, organizados por José Antonio Ponte Far, cuxo primeiro Premio de Relatos acadaría na primeira e terceira edicións. En 2012 participa no curso “Mis lecturas favoritas” (UNED-A Coruña). En 2015 e 2016, participa no Obradoiro de Escritura de Microrelato dirixido por Luz Leira na Biblioteca de Ferrol, e asemade no Club de Lectura de Poesía organizado por Karlotti. En 2017 participa no Obradoiro de Poesía dirixido por Pablo Bouza na Biblioteca de Fene.

Igualmente acada en 2008 o Premio de Relato Curto EOI Ferrol, e en 2014 o do Concurso de Relatos Concello de Mugardos.

Na actualidade participa en varios clubs de lectura, e é autor do blog literario “Boli Morado”, e tamén do xa inexistente “El antro de las aranas” (de política). Dende febreiro de 2017 colabora regularmente co programa “Club de Lectura” de Radio Fene / Radiofusión, coordinado por Henríque Sanfiz.

Escribe por necesidade: non ten outra forma de entender o que o rodea que poñelo por escrito; trátase dunha función orgánica máis. Considera que os escritores escriben porque, por terrible ou escabroso que poida chegar a ser o que se lles ocorre, gústalles máis o mundo tal cal eles o imaxinan que tal cal é.

En particular na súa poesía trata, a través do eu poético, de captar una experiencia da realidade que transcenda o meramente persoal, anque poida superpoñerse con isto, e reflicta o sentir colectivo, a fin de descubrir que se agocha baixo a pel do aparente. WEB: http://bolimorado.blogspot.com.es


Matilde Castro García
 


Nacín en Ferrol en 1945, pasei a infancia e a adolescencia en San Sadurniño.
Dende 1976 vivo en Fene, participei no Obradoiro literario da biblioteca municipal de Fene ao longo de dez anos. Neste ámbito desenvolvín case toda a miña traxectoria literaria: publicacións colectivas como” As voces da casa”, ”Sempre mar”, ”Poesía de Galicia”, ”Gaceta de Fene”e “Dorna”
No ano 2009 publiquei na colección “Libros da Frouma” o poemario “Pequenas paisaxes” da editorial Follas Novas.
Así mesmo teño feitas as letras de varias cantigas e panxoliñas da Rondalla Estrelecer.
Foi a miña participación no obradoiro dirixido por Pablo Bouza o que me deu pé para retomar a miña actividade literaria un pouco esquecida nos últimos tempos.


Eugenia Sanmartín Alonso


Nacín e crieime nunha familia de Ferrol con tradición de cantar. O meu avó materno, Fernando Alonso, era cantareiro, xuntábase cos seus amigos en "El Sur" un bar da rúa Magdalena, tomando chatos de ribeiro e cantando a coro. En casa todos cantabamos nas reunións e aínda se fai. Ese espírito de cantareiros de sobremesa non me abandonou nunca e o agradezo infinito.

Estudando en Madrid Arte Dramático un amigo regaloume unha cassette coa BSO de Orfeo Negro, a peli brasileira e aqueles 120 mins da cinta aprendinos de memoria. O certo é que a poesía das súas letras foi determinante e segue a selo á hora de elixir o meu repertorio.

Curioso que ó pouco outro amigo regaloume outra cassette, esta dun homenaxe a Noel Rosa, que tamén namoroume, e así, a música brasileira fraternizou coa minha alma e eu a atesouro.

Debutei en 1999 como cantante en La Boca del Lobo en Madrid invitada polo trío Livre Percussão, (Fernandinho Marconi, Mario "repenique" e Sergio "cavaquinho"; os tres foron mestres meus de percusión e da música brasileira en particular)

Participei de diversas formacións musicais e rematei os meus estudios de actriz: Divadumdá trío, Unidos Zum-Zuêh (grupo de tambores e cantos afro-brasileiros), Barataria cuarteto, Manos de Terra...

Tamén participei na Orquesta Guayabera durante uns años, orquestra de ritmos latinos: son, chachacha, bolero, rumba, guaguancó... superdivertido!

Tiven un dúo con Bernardo Serval, cun repertorio de temas más amplios de la guitarra y la voz, jazz, boleros, bossa, soul, etc. ele foi para min, xunto con Adan Carreras, un grande mestre de guitarra.
 
Presentarme... presentarme a min mesma, son eu, Eugenia, muller nos corenta, cantante de corazón, aprendiza eterna de guitarrista, actriz que goza encarnando outros seres, poeta escondida e esquiva de min mesma, con certo pánico a amosarme, son eu
mais é hora de atreverse, asomarse e evolucionar
espero que vos guste, e que o que saia de min, ou a través de min,
faga un bo efecto nos vosos corazóns.


Miguel A. Costoya Rivera
 

De setembro 2013 á Decembro de 2013 , a cargo de Rubén Abella, Curso de Creación Narrativa de 3 meses de duración. Certificación a cargo de Escritores. org (José Ferrán). Curso de Microrrelato a cargo de Rubén Abella, coordinado por José Ferrán . DURACIÓN DO CURSO: Mes e medio (45 días) . Outubro-Novembro 2013. Taller express de Creación Literaria a cargo de Javier Fonseca durante 3 semanas . Dirección Escola de Escritores. Agosto 2017. Escola de Escritores, o seguinte curso durante o ano académico 2016/2017: Curso de Novela curta de 3 meses de duración ditado pola profesora Karla Suárez. " MASTER EN ESCRITURA E NARRACIÓN CREATIVA" Escola Europea Deas Arts. 1 ano de duración. (300 horas) 2016-2017


Loreto de Castro García



Actriz amadora dende os dez anos, leva os mesmos anos vinculada a actividade cultural de Ferrolterra. Formou parte de diferentes grupos de teatro, participou en dúas curtametraxes e como figurante na longametraxe Julieta. Aínda que escribe dende nena moi poucas veces deu a coñecer os seus textos. Participou no obradoiro literario de Fene durante un curso. Na actualidade, dirixe o roteiro, A mirada de Carvalho e coordina o grupo de poesía e teatro O Faladoiro.


Maribel Serantes López



Alguén, que non eu, escolleu a data do meu aniversario coma o Día Internacional d@ gat@. Nacín en inverno, á beira do Guadalquivir. Non me din moita présa e o meu primeiro libro chegou á casa antes ca min. Merendei algunha vez “manteca colorá” entre as cadeiras de costureiras e bordadoras. Aprendín a amar as letras, a lectura, os libros, a música, a pintura, a fotografía, o teatro- en fin, as artes todas - na casa e seguín amándoas malia o colexio ao que asistín. Ía para astrónoma, pero aprendín que ás estrelas non é preciso estudalas para desfrutalas. Ía conquistar os meus soños, pero aprendín que os soños deixan de selo cando os alcanzas. Ía para solitaria, pero aprendín que a soidade é unha compaña mais. E aquí estou, pretendendo educar estrelas, soñando que se alzarán, alto e lonxe, escintilando co seu máximo esplendor para acompañar a outras estrelas coma elas no camiño –tan escuro ás veces-da vida.



Cristina Fernández Sáinz de la Maza


Docente de formación para o emprego. Xestor cultural. Dirección de actividades empresariais. Apaixonada activa da arte do gravado, a pintura e a poesía. A xestión cultural e a formación de adultos son na actualidade o camiño polo cal discorrerán os meus pés ademais de levar a poesía como arma na mochila...


Enrique Rodríguez


Nacín en Santa Icía, concello de Ferrol, hai 54 anos e levo 33 anos en Narón residindo na fermosa terra de Sedes, tiven diversos oficios pero ningún deles relacionado coas artes ou as letras. Encántame ler, a poesía e a musica, de pequeno escribíalle versos ás persoas e cambiaba a letra das cancións. Escribo porque me apaixona aínda sen rima nin medida, soamente me fixo en que me soe ben e para iso tampouco fai falla moito. 


 Non sei ben porque razón
me quixestes neste grupo
pois nin sequera son guapo
mais atópome moi a gusto,
non son un neno, 
pois en maio
fago cincuenta e cinco primaveras
quedei viúvo hai un ano
e agora non teño quen me queira.

O de facer de poeta 
venme xa de pequeniño 
que a todos os que coñecía 
eu lles facía un versiño
sempre me encantou ler
e son feliz entre libros
por iso estar en MORAIMA 
parece un soño cumprido.

Eu non fixen ningún mérito
para estar neste colectivo
mais se me acolledes
sentireime agradecido.


Inés Pérez González



Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais. Traballei en diversas empresas da comarca é en boa parte das academias. O meu contacto coa literatura comezou da man de Eduardo Estévez, participei durante catro anos no obradoiro literario dirixido por el, aínda que, o meu gusto pola palabra escrita comezou de ben noviña. Na actualidade son docente da Xunta de Galicia e, aí continuamos, desenvolvendo este amor pola poesía.


Diana Castro



Diana Castro, 1983. Estudei Bacharel por letras puras no Instituto Saturnino Montojo. Actualmente traballo de auxiliar de Axuda a domicilio a persoas dependentes. Afeccionada á escritura e á lectura desde pequena, participei nun par de talleres de escritura e algún que outro recital. Escribín microrrelato, pero polo xeral escribo texto lírico ou poesía.

 


Rosa Salanova


Nacín en Barallobre, un día do mes de Marzo, onde vivín e me criei; onde o meu corazón espertou dende moi pequena a fermosura da palabra escrita e as súas cores máis sinxelas. A miña vida transita entre a poesía, a pintura e a danza. Alguén me dixo un día que pintaba e danzaba poemas, e a min, gústame saber que é así. O sentimento amoroso engaiola a vida de beleza e crea poesía. Formei parte durante anos dun obradoiro literario en Fene con Eduardo Estevez, publiquei os meus poemas en revistas literarias e en libros colectivos de poetas en distintas edicións. Participei en distintos talleres e recitais de poesía e literatura. Son membro da unión nacional de escritores de España, e con moitísima ilusión formo parte do colectivo literario Moraima para seguir neste camiño literario que tanto amo. WEB: https://hadarosaura.blogspot.com.es



Helga Méndez García



Helga sempre foi unha persoa inqueda. Xa de nena o que quería era bailar, pero tamén lle gustaba cantar e debuxar, e lía todo o que caía nas súas mans. Ao entrar no instituto, coñeceu a unha profesora de Literatura que lle fixo o regalo máis querido: a súa vocación teatral. A partir dos 80 estuda cursiños de teatro e participa en todas cantas formacións de teatro amadoras e estudiantís atopa en Ferrolterra. Cursa no Obradoiro de Teatro Municipal de Ferrol e no de Narón nos primeiros anos 90, coa actriz e autora teatral Fusa Guillén, coa que colabora e traballa desde entón. Por eses anos ten o seu primeiro contrato profesional coa compañía coruñesa Títeres Falcatrúa co espectáculo para adultos “Caleidoscopio”. Empeza a dirixir grupos de teatro amador e a impartir obradoiros de Artes Escénicas para distintas entidades culturais, centros de ensino, Universidade da Coruña e administracións públicas de Ferrol e outras cidades galegas. Traballa e colabora como actriz en Bartoleta Teatro, Estudio de Teatro N+1, Vilano Produccións, Maquinarias Teatro, Comediants... Compaxina estes traballos cos estudos de Artes Gráficas, Humanidades e Monitora de Tempo Libre e recentemente Dinamizadora Comunitaria. E tamén cos cursiños de teatro que ano a ano non deixa de realizar para manterse esperta: Roberto Leal, Fusa Guillén, Lino Braxe, Andrés Pazos, Benito Cañada, Adelaida Pittaluga, Virginia Imaz, Marcelo González, Manuel Lourenzo, Santiago Fernández, Sarabela Teatro, Hugo Cruz, Miguel Lago, Lúa Testa, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, Adolfo Simón, Claudia Faci, son as súas mestras e mestres. Ademais dos aprendidos de modo autodidacta a través da súa lectura: Meyerhold, Eugenio Barba, Peter Brook, Augusto Boal e Jara son os seus favoritos. Gran amante dos libros de contos e de poesía, decide dar saída a esa gana de transmitir o que le. Desde a década do 2000 conta contos para nen@s e anima a lelos e escribilos, integrada nas distintas programacións dos concellos e das bibliotecas, da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña. Así é como nace Maquinarias Teatro. No 2010 colabora con moita ilusión coa autora Fusa Guillén ilustrando a súa peza de teatro para adultos “Un traballo é un traballo”, que publica a editorial ferrolá Embora. Do 2011 a 2013 embarca como vocalista no dúo acústico Miss Routine, co guitarrista ferrolán Pepe Suanzes, versioneando a Bob Dylan e Neil Young. Tamén no 2011 crea o dúo acústico para nenos Gulubú, co cantautor ferrolá Al Vila, co que espallan a poesía galega para crianzas poñendo música a poetas do país. De 2011 a 2013 colabora no espazo sociocultural Andaravía con outras cinco mulleres, no que imparte obradoiros de Teatro e Teatro Radiofónico. Neste espazo organiza tamén o Ciclo de MicroTeatro TEATROCOMPACTO, polo que desfilan actrices e actores do teatro e audiovisual galegos como Rubén Riós, Estíbaliz Veiga, Isabel Risco, Sabela Amado, Cristina Moreira, Cristina Mariño, Fernando Morán, David Perdomo ou César Cambeiro. De 2013 a 2020, con Maquinarias Teatro, embárcase en diversos proxectos teatrais e como docente, directora e actriz: Actriz e Vocalista en “Ela e Dylan. As flores solitarias”. Performance poético musical sobre a muller nos textos e cancións de Bob Dylan, xunto ao músico de Limodre Roger de Flor. Actriz en diversas pezas de microteatro con Maquinarias Teatro. Docente e Coordinadora de Teatro Campamentos de Verán da Xunta de Galicia e Campamentos Urbanos do Concello de Ferrol. Docente de Artes Plásticas no Campamento Urbano de Auladeideas, Fundación Eugenio Granell, Compostela. Dirección dos grupos de teatro amador “O Maxolo Teatro” (Covas, Ferrol), e “Bartoleta Teatro” (AVV Ensanche A, Ferrol) Figuración especial no filme da directora Manane Fernández, “Migas de pan”. Actualmente... “Isto tráeme recordos dos meus vermes de seda”, microteatro, Maquinarias Teatro. Coordenadora do ciclo trimestral de microteatro MicroRoom, na sala La Room (Ferrol) Continúa dirixindo Bartoleta Teatro e O Maxolo Teatro, que no 2020 estrearán dúas comedias de creación propia. Como actriz e directora, preparando dous proxectos teatrais con Maquinarias Teatro, de próxima estrea no 2020: “O soño de Adriano”, peza de teatro de creación propia, sobre o antigo Cine Adriano de Fene, en colaboración co actor ferrolán Fran Nogueira. “Atrapadas”, peza de teatro social de creación propia sobre mulleres sirias refuxiadas no Pireo, en colaboración coa actriz e música Eugenia Sanmartín. Actriz de dobraxe na longa de animación “Valentina”, de Abano Producións. Helga Méndez encamiña as distintas facetas do seu traballo (actriz, directora, docente, vocalista...) cara ao xogo: a xogar coas palabras e coas imaxes, a xogar co corpo e a voz, a xogar a ser outras...


DESTINO O LLÁMALO COMO QUIERAS I

Naciste
con las manos
atadas
a una
cadena
retorcida
por las manos
de otro otra
que también
nacieron
con las manos
atadas
a una cadena
retorcida
por las manos
de otro otra

DESTINO O LLÁMALO COMO QUIERAS II

Naciste
con las manos
que forjan
las cadenas
Naciste
con las manos
que forjan
las cadenas
Naciste
con las manos
que forjan
las cadenas
Herrero
del diablo.

DESTINO O LLÁMALO COMO QUIERAS III
Naciste
con las manos
que ordenan
que ordenan
que ordenan
forjar
las cadenas.
Índice
implacable.
Un eslabón
y otro
y otro
y otro más.

DESTINO O LLÁMALO COMO QUIERAS IV

Naciste
con las manos
que piensan
las cadenas.
Diablo
astuto
ys
ilencioso.

DESTINO O LLÁMALO COMO QUIERAS V

Naciste
con las manos
fugitivas.
Con las manos
que desatan
las manos atadas
las manos que forjan
las manos que ordenan.
Cuidado
con el diablo
(astuto
y silencioso).
Helga Méndez García Ferrol, 2020


Francisco Pérez Alonso Pintor



Nace o 20 de xullo de 1955 en Toro, Zamora (España). Reside en Narón (A Coruña). Pintor, escultor, luthier, poeta, fotógrafo e músico. Aos dez anos de idade consegue o seu primeiro premio de pintura. Escribe poesía desde os oito anos. En poesía e música é convidado a diferentes certames, recibindo por iso algúns premios. Colaborou con dúas revistas literarias, "O faladoiro" e "Azar" en 1994, 1995 e 1996. Participa en Narat (asociación amigos da arte); en poesía salvaxe de Ferrol; no recitais do colectivo Literario "Moraima". En 2019 deseña a portada do libro " Aconitina" da escritora colombiana Cindy Santiz Gamarra, publicado en Colombia o 14 de decembro de 2019. Participa nun libro colectivo como poeta e ilustrador en "A beleza do amor" publicado pola escritora Rini Valentina, para conmemorar o día de San Valentín de 2020, xunto a outros poetas do mundo. Actualmente dirixe o xornal "Amigos da poesía e da literatura Narón". Sobre os seus dotes artísticos defínese simplemente como "Paco".

Poesía:
Nun anaquiño de España
Que case non se ve
Esta Galicia inmersa
Cun rei que non se deixa ver
É Galicia sitio entrañable
Onde chegan todos os peregrinos
Mesmo aquí achéganse
Ata os máis divinos
Cos seus  fermosos pobos
E marabillosa gastronomía
As súas xentes agradables
E a súa choiva divina
Verdes campos
Altos montes
Vacas nos prados
Sen perder os horizontes
Onde todos os galegos  gritan
Aquí non hai remedio
E que ata o santo baixa polas tardes
para comer un polbo con eles
Isto é Galicia
E é dos galegos
Aínda que lla deixan a todo o mundo enteiro
Porque así son eles
Porque son galegos.
Francisco Pérez Alonso Pintor Ferrol, 2020

Ningún comentario:

Publicar un comentario

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]